martes, 31 de enero de 2012

Os irmandiños en Galicia.

Grandes mosteiros,catedrais e igrexas fixéronse, durante a Idade Media, donos da maior parte das terras cultivables de Galicia por mor das donacións de reis e particulares a cambio de obte-la salvación das súas almas e a protección da igrexa. As familias nobres dispoñían de extensas propiedades exercendo o señorío sobre vastos territorios. A meirande parte dos campesiños dependían dos señores ós que debían entregar foros, impostos e todo tipo de servicios.
A ós campesiños pedíanlles insoportables impostos, baixo todo tipo de ameaza, chantaxe e violencia se era preciso.
Protexidos polos muros dos castelos, señores e cabaleiros saqueaban a comerciantes e camiñantes, raptaban homes e mulleres para pedir rescate, tomaban ó asalto a cidades, vilas e aldeas, todo para ver aumentadas as súas rendas. A morte dos homes, a destrucción das colleitas completaron un clima de guerra permanente: era preciso facer algo.
Para facer fronte a estes abusos, violencia e mortes, xurden movementos de carácter popular; xente humilde das cidades, do campo, pero tamén membros da pequena nobreza-fidalgos-ou do clero-cregos, que contaron co apoio do rei.
No 1431, labradores da comarca de Ferrol e Pontedeume levántase contra Nuño Freire
de Andrade - o Mao- ó decretar éste unha forte subida de impostos para sufragar los gastos que lle supoñía a hospedaxe de D. Enrique – Infante da Casa Real- que por aquel entón pasaba por estas terras camiño de Santiago.

De 3000 homes que saíron de Ferrol , continuamente ían sumándoselles labregos das terras veciñas e incluso de Mondoñedo e Vilalba, ata sumar uns 10.000. Os irmaos-ou irmandade Fusquenlla- como se lles chamaba na zona, percorrían as terras do señor asolando todo ó seu paso: talaban bosques e derrubaban fortalezas, pazos e casas feudais. Comandados por un fidalgo de Ferrol chamado Roi Xordo, chegaron a Santiago onde foron derrotados por tropas nobiliares e arzobispais. Así rematou a chamada -Primeira Guerra Irmandiña-.
Queda así constituída a dirección e estructura levada a cabo entre 1465 e 1466 entre tódalas vilas e cidades de Galicia. Cada cidade ou vila contaba cun alcalde de irmandade encargado de xulgar ós malfeitores e bandidos , escollíanse ós cuadrilleiros responsables de dirixir as cuadrillas de cada vila, non só para perseguir ós delincuentes e prendelos, senón para derrubar fortalezas..
En cada comarca elexíase un procurador ou deputado, que nas Xuntas Xerais, celebradas en Santiago, Melide e Lugo, coordinaban iniciativas. Estas comarcas ou zonas, configuraban unha rede que cubría toda Galicia.
Ó final chegaron a constituírse tres grandes exércitos de milicias populares: Pedro Osorio, fillo do Conde de Trastámara, dirixía o primeiro desde a súa base de Santiago. Alonso de Lanzós, Señor de Louriña, vencellado á casa dos Andrade, comandaba ó segundo, que operaban nas zonas de Mondoñedo-Ferrol e Betanzos- Coruña; e na Galicia Sur, Diego de Lemos, era o responsable das actuacións. Estes capitáns –así denominados- eran nobres segundóns perxudicados no sistema de herdanza nobiliar, que intentaban mellora na súa posición encabezando ás Irmandades. Para financiar esta estructura política y militar en cada localidade,onde había un centro irmandiño,unha arca da irmandade como fondo de ingresos. Tódalas casas tiñan a obriga de contribuír. Ademais os fondos víanse incrementados polas aportacións de Cabidos e Concellos: o Cabido de Ourense donoú en 1467 , vintecinco mil maravedíes,e o de Santiago catro mil.
Os Irmandiños, elaboraban informes sobre os agravios, e abusos recibidos pola poboación para remitirlle a o rei ou á Irmandade Xeral do Reino de Castela a fin de consegui-la autorización legal das súas actuacións.
Por outra banda,conminaban ós nobres e bispos a entrega- las fortalezas, pois delas emanaba a meirande parte da violencia e bandadismo. Se non había acordo chegábase ó derrocamento das mesmas. Os alcaldes da Irmandade levaban as varas da xustiza onde figuraba unha saeta pintada.
A primeira fortaleza derrubada foi o castelo Ramiro do bispo de Ourense en 1467. Logo no prazo dun ano por efecto de euforia e contaxio popular, derrocáronse case tódalas fortalezas, quedando tan só de pé o castelo de Pambre da casa de Ulloa.
O procedemento para botar abaixo a fortaleza era “deitala polo pé”: abríanse brechas nos muros, metíanse puntais, cuñas e estacas de madeira e prendíaselles lume ata conseguir que ardera dentro dos muros.Deste xeito, as paredes ían cedendo ata que se viñan abaixo.
A nobreza galega houbo de refuxiarse en Castela, conseguindo os apoios políticos e militares necesarios para reorganizarse e conformar un potente exército baixo a tutela de Pedro Álvarez de Soutomaior, alcumado Pedro Madruga..Como ademais estaba casado con Teresa de Táboa, durante a súa estancia de refuxiado en Portugal,recibiu o apoio da monarquía lusa, recrutando un nutrido exército de mercenarios.
Os irmandiños experimentaban divisións internas: a fidalguía, que xogara un papel dirixente,afastábase dos sectores máis radicais –campesiños- igual que os burgueses.
Na primavera de 1469, a nobreza mandada por Pedro Álvarez de Soutomaior, o arcebispo Alfonso de Fonseca o Xoán Pimentel, conde de Benavente, derrotaban ós irmandiños de Pedro Osorio no Monte Almáciga á carón de Santiago. Logo, reforzados polas casas de Andrade, Moscoso, Ulloa e Mariñas, tomaron Pontedeume, onde estaba Alonso de Lanzós;por último, convenceron a Diego de Lemos para que depuxera as armas: a sorte dos irmandiños estaba botada.
A continuación a feroz represión; na casa dos Andrade eran axustizados Pedro Osorio e Alonso de Lanzós, os campesiños eran de novo obrigados a pagar fortes impostos e forzados a reconstruí-las fortalezas, de materiais máis resistentes para resisti-los embates dunha artillería que se estaba abrindo paso como nova estratexia bélica.
De novo mandaba a lei do señorío; pero os esforzos non foron en balde; a semente estaba prendida para os vindeiros séculos; o fin do oscurantismo, o camiño para o renacemento dunha nova forma de vida, o pensamento ilustrado e o derrocamento dos sistemas autoritarios e represivos que darían paso á instauración das democracias, estaba dando os seus primeiros pasos.



No hay comentarios:

Publicar un comentario