sábado, 19 de mayo de 2012

Grupo Nós

Grupo de intelectuais galegos, coetáneos das Irmandades da fala, que conferiu á cultura galega unha altura intelectual que non tivera até entón.
O Grupo Nós, así chamado polo título da revista que publicaron (Nós), estaba composto, entre outros, por Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Dieguez e Florentino López Cuevillas.
Trátase dos representantes dunha xeración de inadaptados que descubrirían e achegaríanse a Galicia despois dun periplo por culturas estrañas. De rigorosa formación intelectual, estes homes realizaron un valioso traballo de estudo e fortalecemento da cultura galega. Con eles, a prosa galega excede o costumismo e o ruralismo e ábrese a horizontes novos, máis universais e, ao tempo, máis enraizados na cultura galega.
En 1920 saía en Ourense o primeiro número da revista Nós co subtítulo de 'Revista mensual da cultura galega'. Interveñen nesta empresa cultural Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Cabanillas, Castelao.
Os compoñentes do grupo Nós tiveron unha formación literaria baseada no simbolismo francés e nas correntes de finais do XIX. Evolucionaron desde un esteticismo evasivo, neorromántico e cosmopolita (un tanto snob) até un galeguismo universal. A súa toma de conciencia calará na época das Irmandades da fala.
Obxetivos do Grupo Nós:
Sentimento de ter unha tarefa que cumplir, crear para sempre a cultura galega. É a primeira vez na historia da literatura galega que atopamos un grupo que propón colectivamente organizar a restauración da cultura galega, creando órganos de expresión propia e participando nas loitas pola defensa do idioma.
Contribucións do Grupo Nós:Os homes da Xeración Nós fixeron unha aportación moi importante á cultura galega.
No plano político: Vicente Risco fai unha definición teórica do Nacionalismo Galego, no seu ensaio "Teoría do nacionalismo galego", noque exalta o ser de Galicia como nación a través da lingua, da terra e da raza.
Os integrantes da Xeración Nós participarán na formación do Partido Galeguista e defenderán a Galicia nas Cortes Republicanas a través dos deputados Otero Pedrayo e Castelao. Tamén serán protagonistas destacados no desenvolvemento de múltiples accións que levarán á elaboración do Estatuto de Autonomía.
No plano científico: É importante a elavoración de obras ensaísticas en galego, deste xeito quedará de manifesto que a nosa lingua podía se-lo vehículo de expresión non só de obras de creación literaria, senón tamén científicas.
Neste plano podemos destacar os traballos de Risco sobre Etnografía, os ensaios de Otero Pedrayo sobre Historia, Xeografía e paisaxe galega, e os estudios de Cuevillas sobre a Prehistoria Galega e a Arqueoloxía.
No plano literario: Os homes de Nós souberon crear unha prosa que se integra nas correntes da cultura galega universal. A prosa vai a ser un instrumento apto para a difusión científica e para a creación literaria.
No plano narrativo: Hai que ter en conta que ata a publicación da obra narrativa dos homes do grupo Nós, a prosa galega non tivera un cultivo literario importante; vai ser esta xeración a que consolide a prosa, que ata entón soamente dera os seus primeiros pasos. Os homes de Nós, que eran fundamentalmente narradores e ensaístas, escribiron tamén teatro, como mostra do seu polifacetismo. As súas obras teñen un carácter máis literario que escénico, é dicir, están pensadas máis para ser lidas que para ser representadas.

3 comentarios: